Wednesday 08 de May de 2024

Aprobados os orzamentos do Concello de Frades para 2017, que superan os 2 millóns de euros e recollen unha débeda bancaria cero


Incrementa nun 14% o seu investimento en dotar de máis e mellores servizos á veciñanza e aumenta nun 13% as achegas a obras e infraestruturas

O pleno municipal de Frades aprobou esta mañá os Orzamentos para 2017, que recollen un superávit inicial de 133.401,54 euros, xa que as previsións de ingresos ascenden a 2.181.445,71 euros e as dos gastos ascenden a 2.048.044,17 euros. Unhas contas que saíron adianto cos 8 votos a favor do Grupo de Goberno e as 3 abstencións do BNG.

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, indicou que os Orzamentos para 2017 “buscan a eficacia e a eficiencia do sistema municipal, co obxectivo de ser unha entidade solvente e ben xestionada que lle ofreza os mellores servizos aos seus veciños e veciñas”. Neste sentido, Rey Martínez apuntou que os Orzamentos de 2017 “incrementan nun 13% os investimentos reais, ata os 578.184,08 euros, melloran os servizos á veciñanza, deixan a débeda bancaria de Frades en cero e réxense baixo os principios de equilibrio e estabilidade orzamentaria”.

Así, os orzamentos do Concello de Frades para 2017 ascenden a 2.048.044,17 euros no capítulo de gastos (un 11% máis ca en 2016) e a 2.181.445,71 euros no capítulo de ingresos (un 18% máis ca en 2016). Roberto Rey explicou este desequilibrio en que “os ingresos son maiores polo aumento dos ingresos do IBI pois debido á regularización catastral feita polo Catastro e a pesar da bonificación do 95% para granxas e da baixada do tipo para as rendas urbanas”.

Rey Martínez chamou a atención sobre o incremento do 14% en bens correntes e servizos, partida que medra dos 811.293 euros de 2016 aos 925.474,12 euros para 2017. Uns cartos aos que hai que sumar o aumento nas transferencias á Mancomunidade de Ordes, responsable da prestación do Servizo de Axuda no Fogar en Frades. “A transferencia é maior ca o ano pasado pois temos a previsión de que aumenten as horas de servizo e un aumento do número de usuarios”, explicou o alcalde de Frades. En total, o capítulo de transferencias correntes ascende ata os 126.000 euros.

Reducido gasto en persoal

Pola súa banda, o tesoureiro municipal, Manuel Ferreiro Marzoa, incidiu en que “en 2017 disporemos de 68.000 euros máis para mantemento e execución de novas infraestruturas e de 114.000 euros máis para servizos á veciñanza”. “Pretendemos mellorar a calidade e potenciar os servizos xa existentes, poñendo en valor as infraestruturas e os espazos naturais do Concello”, explicou Ferreiro Marzoa, quen anunciou que “ademais de aumentar as subvencións a actividades, en 2017 pretendemos potenciar a parte de turismo e promoción de Frades, todo respectando o Plan Económico Financeiro”.

O tesoureiro municipal chamou a atención tamén sobre os reducidos gastos de persoal cos que o Concello de Frades pode facer fronte a todo este traballo. “Os gastos de persoal representan só o 20% do orzamento, é un dos máis baixos de Galicia”, apuntou Manuel Ferreiro, quen agradeceu o traballo realizado polos servizos técnicos do Concello para poder presentar os orzamentos antes de que finalice 2016.

Finalmente, salientou que o último dato sobre o período de pago a provedores é de 8,25 días. “É un orgullo ver que todos os provedores queren traballar con este Concello”, afirmou Ferreiro Marzoa. Dende as filas do BNG, o seu voceiro Xosé María Pérez Lagos, unicamente puntualizou que “non hai débeda bancaria, pero si hai débeda”.

Historial Social Único electrónico

Finalmente, os outros dous puntos da orde do día saíron aprobadas por unanimidade. Ademais da acta da sesión anterior, o pleno acordou adherirse ao convenio de colaboración asinado pola Xunta e a Fegamp para a implantación da Historia Social Única Electrónica nos entes municipais. Non se presentaron mocións. Antes do inicio do pleno tivo lugar un minuto de silencio en repulsa polos asasinatos machistas de dúas mulleres en Vigo e Santiago.

A próxima sesión plenaria, de carácter extraordinario, terá lugar o 29 ou 30 de decembro para aprobar os expedientes de solicitudes de bonificación do 95% no IBI para explotacións agrogandeiras.